"Lourenço, Xograr" de Manuel Portas

Dende outubro do ano pasado temos de volta na casa a toda unha eminencia, o Pergameo Vindel, e aos administradores deste blog non se nos ocorría mellor maneira de celebralo que dándovos a coñecer unha novela que nos ensina un anaco de historia a través da vida dun xoven xograr, eses músicos do medievo que impulsaron o uso das línguas romances na cultura e encumiaron o galego-portugués coma un dos principais idiomas de Europa. Esta é o relato de dous países que se atopan na Historia, na fala e no corazón.
Manuel Portas, ademais de profesor de galego, é un activista cultural con moito traballo as costas a prol da nosa lingua, e ese compromiso é claramente visíbel en "Lourenço, Xograr". O autor sabe do que está a falar, e ese coñecemento do tema é o punto forte da novela, converténdoa nunha obra tremendamente interesante e moi recomendábel.
A historia transcorre durante a guerra civil que asoballou o Reino de Portugal, anos despois de que o antigo condado portugués tomase un camiño distinto ao resto dos pobos do noroeste peninsular que permanecían baixo o mesmo poder rexio. As tensións externas cos outros reinos cristiáns e musulmáns peninsulares e mailas pretensións da nobreza lusa xeran un ambiente convulso no que o noso xograr vivirá situacions do mais divertidas (e perigosas) xunto a persoeiros históricos coma Afonso X, Pero Meogo, María Peres, a Balteira ou Joam de Guilhade.
Se es deses que lles custa un mundo introducirse na literatura en galego, eu sempre recomendo comezar por autores contemporáneos. A foma de empregar a lingua adoita ser máis neutra alonxándose de enxebrismos, variedades dialectais e vulgarismos coa intención de empregar unha variedade formal e atemporal. Persoalmente, eu son dos que atopa fermoso transmitir no texto a fala da xente, pero son consciente de que adoita ser unha das razóns polas que moitos exilian unha novela na libraría por un tempo indefinido. Portas consegue mesturar estas tendencias, cun galego estándar adaptado ao momento histórico que está a relatar, resultando nun éxito rotundo.
Se te perdiche algunha vez nos paisaxes galegos e portugueses recoñecerás rapidamente nas detalladas descricións as fermosas corredoiras dos bosques, as enigmáticas aldeas nas abas dos montes e os misteriosos castelos nos curutos dos outeiros. A vida medieval, tan ben construida polo autor, está chea de maxia, cómo resistirse a mergullarte nesta novela?
Puntuación: 8'5 de 10 ⭐⭐⭐⭐⭐⭐⭐⭐

Comentarios

Publicacións populares